23 abril 2018

Elexías de luz

Autora: Mª Victoria Moreno
Editorial: Xerais, 

 Elexías de luz, o libro no que María Victoria Moreno (1941-2005) traballaba cando a sorprendeu a morte. Agora, Xerais recupera na súa colección de poesía este libro, no que se inclúen dous poemarios, este que lle dá título ao conxunto e outro, Duns folios que foron brancos, que só existía en manuscrito. A edición inclúe catro poemas soltos. Un deles é unha versión doutro anterior, readaptado con motivo do dramático afundimento do Prestige fronte ás costas galegas, e dous textos máis en castelán. Tamén se presenta o poema que lle serviu para construír o pregón da Feira do libro de Ponteareas no ano 2003.
Nós seleccionamos estes poemas:


Eu quixera esculpir en luz e aire
non o corpo do amado,
non a imaxe que gardan os meus ollos,
mais a traza do paso
luminoso que enchera a miña alma
de flores, soño e pranto.

     Eu quixera tecer en fíos de auga
non as verbas do amado,
non as conversas que o solpor arrola,
mais este doce laio
que habita nas distancias asequibles
resolto en vento maino.
 .................................................
 
CANTIGA

     Neste amencer de pombas indecisas
conversarei coas fontes
onde beben pesares cristalinos
as sombras que se axitan pola noite.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

     No laio dos farois agonizantes
evocarei os nomes
que acenderon lucernas balbucintes
nas fragas mestas onde os medos dormen.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
     que eu perdera na auga.

     Neste tremor de chumbo e de diamante
serei luz que se esconde
no ardor aceso que xerou os días
ou na xerfa esfiañada en surtidores.
     Esa lúa de prata
     atopou o tesouro
     que eu pedera na auga.

     No rubor das estrelas acaladas
achegareime á morte,
sentirei o feitizo dos seus ollos,
e o seu bico na fronte.

Ningún comentario: