11 outubro 2018

Begoña Caamaño I

Begoña Caamaño Rascado. Folerpas biográficas:
Naciches un 14 de outubro de 1964 no barrio vigués do Calvario. Aprendeuche francés con María Xosé Queizán e cursaches Maxisterio. Tamén quixeches falar  éuscaro. Varias emisoras contaron co teu facer  até  a túa incorporación ao Diario Cultural. Dirixiches e presentaches os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Media Noite. Viaxaches como correspondente da Axencia Galega de Noticias (AGN) e colaborou nos xornais El Sol, A Nosa Terra, Novas da Galiza e na revista Tempos
Activista incansábel sindical, feminista, antimilitarista, ecoloxista, pola sanidade pública, etc . 
Na literatura iníciaste coa publicación da novela Circe ou o pracer do azul no ano 2009 e tres anos despois Morgana en Esmelle.

Ambas  novelas recibiron o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013.
Morres o 27 de outubro do ano 2014 pero como a terra che foi leve, segues camiñando á nosa beira catro anos despois dunha das túas viaxes.
Hoxe queremos rescatar unha "Carta  de despedida" que lle escribiu á cantora Uxía e que xenerosamente partillou en https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html
e que tan fermosamente ilustrou Leandro Lamas.

Querida Uxi: 
...
Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas...que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa.
Pero Uxi, non vou mentir dicindo que por veces non teña medo e rabia, pero é máis pola incerteza que pola morte en si mesma.
Putada, o que se di unha putada grande e real sería ter vivido unha vida de merda, estar dende os 6 anos furgando na basura dos vertedoiros de Antanaribo, ou dende os 8 turrando dunha vagoneta de carbón en Bolivia, ou dende os 11 pechada nun burdel de Bankog!. Ter unha vida tan miserable que che fai desexar a morte como un alivio.
 Iso é a gran putada...e hai millóns de persoas que sofren a vida, porque realmente a sofren, cada día. Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e,sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte...cánta xente morrería só por ter a metade do que eu tiven....
 Polo demais, Uxía ben amada, ata nestas circunstancias, aínda que pareza estrano, son feliz, por moi grande é absurda que soe a palabra felicidade.
Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes...facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer...sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez máis baixiña no meu  corazón, como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable coma o sol nun día de xuño...e xa non despertar máis.
Ese é o meu último, íntimo gran desexo. Egoista, sen dúbida, pois en absoluto me preocupa a "outra parte", vós e a vosa tristura e desconsolo.
Mais a vida foi tan boa comigo, tan boa con todas vós que ata nos está dando o tempo preciso para nos ir facendo á idea e que o salto definitvo non sexa tan traumático nen tráxico, senón unha dor miúda, serea e calma..e que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando xa eu teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo.                           
Bicos, Uxi. Quérote pola vida. 

Nós tamén te queremos ...polas vidas!!!

Ningún comentario: