30 outubro 2019

O Día dos defuntos, Magosto e Samaín

O COLAR DE ZONCHOS


 Nenas con colares de zonchos ou mamucas  no cemiterio de Santo Amaro da Coruña (ca.1950)

Unha tradición de veneración dos mortos moi extendida na Galiza era o de ir ao camposanto, no día 1 de novembro, cun colar de zonchos no pescozo para honrar aos finados. É sen dúbida unha tradición relacionada co magosto, ritual funerario que aínda hoxe se conserva coa venda de castañas nas portas dos camposantos. Parece un rito milenario de moitas culturas o de celebrar un banquete funerario nos camposantos, como un ritual da morte. O castiñeiro tamén se consideraba unha árbore funeraria que conectaba co máis alá
"Has de cantar, / que che hei de dar zonchos; / has de cantar, / que che hei de dar moitos… dille Rosalía á meniña gaiteira no comezo de Cantares Gallegos"
                                                                                                        


Vicente Risco, no seu estudo sobre as celebracións festivas de Galicia do libro Etnografía,
contaba  que “nas casas, na noite de Defuntos, soen pór unha fonte con aceite e tantas lamparillas como defuntos queiran honrar. Tamén hai sitios onde lles poñen a mesa con todo o servicio e unha peza de pan, para que veñan cear, inda que sexan invisibles, cos seus familiares”. (...)  nas cidades e nas aldeas, a tarde anterior e o día todo, están dobrando a morto as campás, para que a xente se lembre dos mortos e rece por eles, e en todos lados se visitan os camposantos e acéndenlles luces. Tamén, nalgures, como en Viveiro, é costume facer neste día colares de castañas cocidas con pelica, zonchos, que os rapaces xantan”

 Coa chegada de novembro facemos os magostos, esa celebración onde a “comida consiste fundamentalmente en castañas asadas” e tamén festexamos o samaín e os días de Defuntos e Todos os Santos. En relación a eles, os magostos, semellan unha sorte de banquetes funerarios ‘comida en honra de todos os defuntos da parroquia’ que se celebran en moitas culturas do mundo. Cómpre lembrar que varias fontes consideran o castiñeiro como unha árbore funeraria. É dicir, estamos nun tempo do calendario que está cheo de ritos e tradicións fúnebres, probablemente milenarias. Un exemplo é o modo en que debe morrer o lume dun magosto, que non se pode apagar e hai que deixalo esmorecer por si só, para que se poidan quentar as almas vidas do alén. Tamén lles hai que deixar as castañas sobrantes.
Outra tradición que relacionada coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos colares de zonchos, isto é, de “castañas cocidas coa pela” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Fanse para llelos poñer aos nenos nos días un e dous de novembro, especialmente no de Defuntos, para, segundo algunhas fontes, protexelos contra os espíritos con este amuleto, ou, segundo outras, porque por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.


Ningún comentario: