17 febreiro 2021

RAG+EUSKALTZAINDIA+IEC

 Declaración conxunta da Real Academia Galega a Euskaltzaindia – Real Academia da Lingua Vasca e o Institut d’Estudis Catalans:

 A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans reivindican o plurilingüismo como un patrimonio común:

 

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fan pública A DECLARACIÓN coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán “precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”. “O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan reivindican o seu papel asesor das institucións do Estado e decláranse dispostos a contribuír a “unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas”. 

DECLARACIÓN CONXUNTA: 

 Coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas no sistema educativo, a Euskaltzaindia, o Institut d’Estudis Catalans e a Real Academia Galega, como ins-titucións con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que cada unha delas representa, acordan facer pública a seguinte declaración: 

 1.- En coherencia co principio de autonomía, entendemos que o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con lingua propia oficialmente recoñecida debe ser competencia exclusiva de cada unha delas. 

 2.- O devandito réxime lingüístico debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán. Como demostran tanto os estudos e as avaliacións máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán. A normativa legal de cada unha das comunidades amentadas establece que ao final dos ciclos de ensino obrigatorio os e as estudantes deben posuír plena competencia en castelán, o mesmo que na lingua propia de cada unha delas. Todos os modelos aplicados garantiron este obxectivo para o castelán, pola contra, non todos eles o garantiron para o catalán, o éuscaro e o galego.  

3.- O Institut d’Estudis Catalans, a Euskaltzaindia e a Real Academia Galega, organismos recoñecidos oficialmente como asesores dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultados polas institucións do Estado, á vez que se poñen ao seu dispor. É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir.

FONTE: https://nova.academia.gal/-/a-real-academia-galega-a-euskaltzaindia-e-o-institut-d-estudis-catalans-reivindican-o-pluriling-c3-bcismo-como-un-patrimonio-com-c3-ban

Ningún comentario: