27 marzo 2021

Os d´abaixo: Pasei pola túa horta

 Pasei pola túa horta de  Os d´abaixo foi o terceiro tema máis votado no aRi[t]mar 2021

 

Os d’Abaixo apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición.

Os d’Abaixo teñen tocado en diversas festas e festivais de Galiza e tamén fóra dela, en lugares como o Festival de Músicas do Mundo, (maio 2012, Etxarri-Aranaz-Navarra), o festival Le Grand Bal de l’Europe (xullo 2012, Gennetines-Francia), o Festival Intercéltico de Lorient (agosto 2013, Lorient-Bretaña), e o Calan Mai, a festa da primavera celta (maio de 2014, Cardiff-Gales). Na primavera de 2014 edítase o primeiro disco do grupo “Ao vivo en Lorient”, que recolle 16 pezas gravadas nos concertos feitos en 2013 neste festival bretón. Na primavera de 2017 sae á luz o seu segundo disco “Quixera ser dos paxaros”, o primeiro gravado en estudio e no que se recollen unha maioría de temas inéditos para o folc galego, resultado dun gran traballo de investigación por parte de Xosé Ramón Vázquez, daquela acordeonista do grupo. "Pasei pola túa porta", o primeiro video adianto do que será o seu novo traballo, que verá a luz no próximo 2021, e no que ademáis da tradición e da investigación, que acompañan ao grupo dende os seus inicios, terá unha gran presenza a composición, que aportará novas sonoridades e melodías ao xa extenso repertorio destes composteláns.

Ningún comentario: