18 novembro 2022

Sés: "Para cando eu morra"

Diante un eco de Sés, sae á luz o  25 de novembro, oitavo traballo discográfico. Será presentado con concertos en Galicia antes de iniciar una xira polo resto de España e Latinoamérica.

Tema: "Para cando eu morra"


 Letra:

  Para cando eu morra non quero palmas nin honras / nin falsas palabras nin flores nin cerimonias

 non quero raposos nin ratas corporativas / que non me queira de morta quen non me quixo de viva 

Para cando eu morra non quero máis que partir/ plena de amor, coa boca chea de rir

quero que me queiras e amarte sen miramentos/ nada máis os dous espidos sen firmas nin sacramentos

Non quero baixarche o sol/ nin tampouco a lúa/ non quero que sexas meu/ nin eu vou ser nunca túa

pero quero amarte sempre/ e bicarte en cada rúa

Porque nesta vida o papel non vale nada/ teña a cor que teña merca froita envelenada

todo o que se compra non mercha contigo á terra/ só o máis pobre dos pobres ao son da prata se aferra

Porque amar non é nin vergoña nin rubor/ porque nesta vida pouco máis hai que o amor

o amigo sincero, ter e que che teñan lei/ e querer só de verdade, que é o único que eu sei

É que amar non é nin vergoña nin rubor/ porque nesta vida pouco máis hai que o amor

porque o que me quede quero bailar e sorrir/ e levarte a ti comigo, sempre que ti queiras vir

Diante un Eco.  Co seu habitual discurso valente, novidoso, contundente e directo, a cantautora fai referencia con este título á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva socio-política dos nosos días, segundo explica ela mesma.

Diante un Eco é tamén unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madurez e, sobre todo, desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural. Con este novo traballo, SÉS reafírmase na estética popular da que se considera amante e debedora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que caracteriza a súa música, que viaxa entre ritmos americanos  do norte de do sur, repensados en galego e en feminino.

Como fenómeno underground que basea o seu éxito na seu carisma e a súa forza persoal,  SÉS presenta neste remate do 2022, cando se cumpren 11 años xustos do seu primeiro disco, un traballo máis alegre e fresco que os anteriores e igual de fiel ao seu estilo: unha mestura coas doses exactas de rock and roll, tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico.

Como nos seus traballos anteriores, SÉS é o altofalante certeiro que defende todo aquelo no que sería ideal crer, cuestionando o establecido e facendo un chamamento á unión e á dignidade.

  FONTE: https://21noticias.com/2022/10/ses-lanza-o-seu-novo-disco-diante-un-eco/

Ningún comentario: