09 decembro 2013

Ten o seu punto a fresca rosa

Autora: María Xosé Queizán.
Novela divertida e desconcertante, ambientada en Vigo dos anos setenta e oitenta, no que se entrecruzan sabiamente a historia de tres mulleres: Lucía Castro, Charo Santoro e Petra Seixo. Historia das súas vidas e das súas familias, das súas orixes, que viven entrelazadas polo amor e pola morte. As tres protagonistas da novela  son tres persoas de diferente clase social,  adscrición urbana,  formación, mesmo de diferente opción sexual, unidas pola figura de María, a adolescente desgraciada. Son tres personaxes complexos, verosímiles, cheos de contradiccións, sobre os que unha narradora omnisciente non se deixa levar nin pola complaciencia, nin o sentimentalismo. Esta é unha novela na que se cuestiona o amor, por riba da opción sexual elixida por cada persoa, concibido como obxectalización, que leva á catástrofe, os trastornos que arrasan a vida das persoas, pola asunción da privacidade como territorio exclusivo das mulleres, pola pérdida da súa identidade. Ten o seu punto a fresca rosa é un manifesto antisentimentalista, no que se desmitifica o concepto tradicional de maternidade, tanto biolóxica como social. Abórdanse, tamén, cuestións como a perversidade da pedofilia, os abusos sexuais, os perigos da reproxenética, os problemas do internamento psiquiátrico. Tampouco quedan fóra a presencia dos movementos revolucionarios do Vigo dos setenta e o papel dalgúns párrocos, nin a formación do movemento feminista, nin o cambio de mentalidade policial que chegou coa democracia.

2 comentarios:

María José Pérez dixo...

Para min, é o mellor libro que lin nunca. Resultoume impresionante a capacidade que ten a escritora para describir tan profundamente os personaxes ou as situacións. Esa capacidade é o que fai que o libro te enganche dende a primeira páxina e queiras coñecer máis da vida desas persoas. Unha vida que para moitas persoas pode ser incomprensible e chea de contido sexual e sentimental nunhas situacións que non son as habituais.

davidrc dixo...

Este libro resultoume moi entretido pois toca moitos temas actuais,como son o abuso que exercen os gobernantes,as novas técnicas de reproducción asistida,...
O libro vai contando a historia de diferentes persoas que, en principio nada teñen en común, pero un grave accidente xuntaráos.
Un gran libro que te engancha desde o principio.